RENOVACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE ABANCA E ASEMACO

RENOVACIÓN DO CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE ABANCA E ASEMACO

abanca y asemaco

 

ABANCA e a Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco) veñen de acadar un novo acordo de colaboración en materia financeira,  co obxectivo posto en mellorar o acceso ao financiamento ás familias e profesionais.

O presidente de Asemaco, Agustín Moreira Graciá, e o director da Rede Comercial de ABANCA, Gabriel González Eiroa, renovaron hoxe na sede institucional da entidade financeira en Vigo un convenio de colaboración que establece condicións especiais na contratación de produtos e servizos de ABANCA e reimpulsa o compromiso que mantén o banco co tecido produtivo e as pemes e autónomos de Galicia.

O acordo recolle unha ampla oferta de produtos deseñados para mellorar a competitividade deste colectivo empresarial, entre os que destacan pólizas de crédito, préstamos hipotecarios para negocio, avais ou liñas de desconto comercial. O protocolo inclúe tamén unha oferta específica ao colectivo no referido a liñas de comercio exterior, así como o acceso a fórmulas de financiamento oficiais a través dos convenios que ABANCA mantén co ICO, Igape ou as sociedades de garantía recíproca (Sogarpo e Afigal).

Ademais, as empresas da construción adheridas a AGALCO poderán beneficiarse doutras vías de financiamento, como as contempladas no Plan Activamos, unha iniciativa conxunta de ABANCA e as catro deputacións galegas que inclúe liñas de crédito con baixos tipos de xuro para facilitar o emprendemento, os novos investimentos, a creación de emprego, o financiamento de circulante ou a mellora enerxética das pemes e autónomos da provincia.

Crediasemaco, un produto de éxito

Grazas a este convenio, os asociados poderán ofrecer aos clientes ás vantaxosas condicións de Crediasemaco, un produto especificamente creado para este colectivo hai xusto 21 anos. Esta histórica colaboración entre as dúas entidades permite que os establecementos poidan financiar as compras dos seus clientes de forma áxil, sinxela, as 24 horas do día e sen risco de impagos.

Os profesionais pertencentes a Asemaco tamén se beneficiarán de tarifas personalizadas na alta e o mantemento dos dispositivos TPV de ABANCA.

O convenio tamén engade as vantaxes do programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais. Igualmente, a entidade financeira porá a disposición de todos os asociados xestores especializados en materia de seguros ou banca electrónica.

Asemaco agrupa os intereses das empresas de materiais para a construción de Galicia. Naceu no ano 1.995. Pola súa banda, ABANCA é a primeira entidade financeira en Galicia. Mantén a rede máis extensa de oficinas en Galicia e dispón dunha oferta financeira orientada a atender as necesidades de familias, micropemes, pemes e autónomos.

 

Para descargar o Convenio Financeiro entre Abanca e Asemaco, debedes dirixivos o area privada.

 

Tags: