CONVENIO ASEMACO – IGVS

CONVENIO ASEMACO – IGVS

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da Asociación de Empresarios de Materiais da Construción (Asemaco), Agustín Moreira Graciá, asinarán un convenio de colaboración en materia de vivenda. foto xoán crespo

MEDIO AMBIENTE E EMPRESARIOS DA CONSTRUCIÓN COLABORARÁN PARA FOMENTAR A REHABILITACIÓN E DIFUNDIR AS AXUDAS PÚBLICAS EXISTENTES

  • Ángeles Vázquez asina un convenio coa Asociación de Empresarios de Materiais da Construción (Asemaco) co obxectivo de dar a coñecer entre tecido empresarial e particulares os 11 programas para rehabilitar vivendas que ofrece o IGVS
  • A conselleira resalta a aposta decidida da Xunta por fomentar a recuperación do xa construído a través de medidas como a primeira Lei de Rehabilitación da comunidade, que entrará en vigor o vindeiro 22 de maio

 

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2019-. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco) colaborarán este ano co fin de divulgar as diferentes liñas de axudas en materia de rehabilitación que a Xunta de Galicia pon a disposición de empresas, particulares e comunidades de propietarios. Este compromiso plasmouse esta mañá coa sinatura dun convenio entre ambas entidades, que veñen colaborando neste sentido desde o ano 2012.

 

Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen subliñou a importancia do apoio que brinda Asemaco á hora de promocionar entre os empresarios os programas públicos autonómicos en materia de rehabilitación, facilitando e fomentando deste xeito as intervencións dirixidas á posta en valor do xa construído, e ofrecendo aos seus socios o sistema de financiamento Crediasemaco, que permitiu levar a cabo ao longo do ano pasado 150 operacións en materia de rehabilitación.

Neste sentido, Vázquez Mejuto explicou que grazas a esta iniciativa, a entidade incentiva operacións de rehabilitación entre os seus asociados a través da concesión de créditos de pequenas contías pero cuns prazos de pagamento flexibles e sen xuros nin comisións. Unhas facilidades para acceder a financiamento que combinadas coas liñas de axuda que ofrece a Xunta, dixo, garanten a eficacia da colaboración que manteñen a Consellería de Medio Ambiente e Asemaco desde hai oito anos.

En virtude do convenio asinado hoxe, a Xunta destinará este ano 15.000 euros á entidade para que promocione entre o empresariado galego do sector da construción todos os seus programas de axudas en materia de rehabilitación.

Neste sentido, Ángeles Vázquez indicou que o seu departamento convocará en 2019 un total de 11 liñas de subvencións para rehabilitar vivendas, cunha dotación global de 26,9 millóns de euros. Esta contía supón a metade do orzamento que destinará este ano a Consellería a financiar todos os seus programas de axudas en materia de vivenda, un dato que, como resaltou a conselleira, pon de manifesto a aposta clara que está a facer o Goberno galego pola rehabilitación.

Unha sólida política rehabilitadora

A conselleira aproveitou a sinatura do convenio con Asemaco para lembrar que o Goberno galego ten en marcha unha sólida política de vivenda para fomentar a recuperación do patrimonio xa construído. Así se reflicte no impulso dun novo marco normativo, a Lei de Rehabilitación e de Rexeneración e Renovación Urbana de Galicia, que entrará en vigor o 22 de maio; nas liñas de axudas directas a particulares, comunidades de propietarios, concellos e promotores para proxectos de rehabilitación; e nas actuacións do propio Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), a través tanto do Programa Rexurbe para recuperar áreas moi degradadas en cascos históricos dalgúns municipios a través da compra de inmobles, como de obras directas en vivendas de promoción pública propiedade da Xunta.

Neste sentido, Vázquez Mejuto considerou clave a colaboración de entidades como Asemaco á hora de dar a coñecer entre cidadáns e empresarios as diferentes liñas de axuda e programas que está a desenvolver o Goberno galego en materia de vivenda para acadar que esta información chegue a quen realmente lle interesa e sexan máis efectivas.