10 Jul Firma Convenio IGVS – ASEMACO
Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2020
Medio Ambiente e empresarios da construción colaborarán por oitavo ano consecutivo para incentivar a rehabilitación en Galicia
Ángeles Vázquez asina un convenio coa Asociación de Empresarios de Materiais da Construción co obxectivo de dar a coñecer entre profesionais, particulares e comunidades veciñais os programas para a recuperación de inmobles do IGVS.
O ano pasado realizáronse 162 operacións cun custo global de case 600.000 euros a través do sistema de financiamento que ofrece Asemaco aos seus socios.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco) volverán colaborar na divulgación das diferentes liñas de axudas en materia de rehabilitación que a Xunta de Galicia pon a disposición de empresas, particulares e comunidades de propietarios co fin de incentivar aquelas actuacións que incidan na recuperación do patrimonio xa construído.
Este compromiso quedou plasmado hoxe no convenio asinado entre ambas entidades, que veñen colaborando de forma continuada desde o ano 2012. Así o lembrou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen agradeceu ao presidente de Asemaco, Agustín Moreira, o apoio que brinda a súa entidade á Xunta para promocionar entre os empresarios do sector os programas públicos en materia de rehabilitación, e ofrecendo aos seus socios o sistema de financiamento Crediasemaco, que permitiu levar a cabo só o ano pasado 162 operacións deste tipo -12 máis que en 2018- cun importe global de case 600.000 euros.
Grazas a esta iniciativa, na que a entidade colabora con Abanca e Banco Sabadell Gallego, Asemaco incentiva as operacións de rehabilitación entre os seus asociados a través da concesión de créditos de pequenas contías pero cuns prazos de pagamento flexibles e sen xuros nin comisións. Unhas facilidades para acceder a financiamento que combinadas coas liñas de axuda que ofrece cada ano a Xunta constitúen un mecanismo eficaz e consolidado de incentivo á rehabilitación na comunidade, como indicou a conselleira.
En virtude do novo convenio asinado esta mañá, o Goberno galego destinará este ano a Asemaco unha achega de 15.000 euros co fin de que promocione entre o empresariado galego do sector da construción todos os programas de axudas xestionados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) relacionados coa rehabilitación.
Deste xeito, a asociación comprométese a facilitar nas dependencias dos seus socios información sobre as diferentes liñas de subvención dispoñibles en 2020 e ademais, mencionará expresamente a colaboración do IGVS en todas as accións de divulgación e de publicidade que faga de Crediasemaco, como sistema que incide favorablemente no fomento da rehabilitación.
Neste sentido, o departamento dependente da Consellería de Medio Ambiente ofrece este ano un total de 10 liñas de subvencións destinadas a rehabilitar vivendas, cunha dotación global de máis de 39 millóns de euros. Esta contía pon de manifesto a aposta clara que está a facer nos últimos anos o Goberno galego pola recuperación do xa construído, e non só a través dos distintos programas de axudas que xestiona.
Así, cómpre lembrar a aprobación en 2019 da primeira Lei de Rehabilitación de Galicia que deu pé á declaración de tres áreas de rexeneración urbana de interese autonómico en Mondoñedo, A Coruña e Ribadavia nos últimos meses, ou a convocatoria por terceiro ano consecutivo do Programa Rexurbe, que contará en 2020 con 8,2 millóns para que o IGVS merque ou rehabilite máis inmobles deteriorados e en estado de abandono nos cascos históricos dos municipios incluídos na oferta pública desde ano.